Friday 17 de May de 2024

Obradoiros, teatro, festivais, música, contacontos e moito máis no Nadal organizado polo Concello de Ordes


O Concello de Ordes xa ten organizado o seu programa de actividades e actos de cara ás vindeiras festas do Nadal

Unha iniciativa especialmente deseñada para ser desfrutada en familia e na que se combina a diversión e a aprendizaxe coa ilusión que caracteriza estas datas.
A primeira das citas será o sábado día 13 no auditorio da casa da cultura ás 20.30 horas. Os nenos e nenas a partir dos 12 anos poderán asistir de balde á obra de teatro ‘Eran outros tempos, ou non?’
A mañá do martes 16 os paxes reais das súas maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán a escola infantil municipal ‘Sorrisos’ e as escolas unitarias de Merelle e Montaos. Unha visita na que os máis pequenos e pequenas poderán entregarlles a carta cos seus agasallos.
O venres 19 a biblioteca municipal celebrará a partir das 18.30 horas unha tarde especial de contacontos. ‘O Nadal no bosque’ é o relato escollido para a ocasión.
O martes 23 está previsto un obradoiro de construcións do Nadal. O primeiro grupo, de 3 a 6 anos, darase cita de 12 a 13.30h. Os que van de 7 a 12 anos comezarán ás 10.30 e rematarán ás 12h. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse ata o 17 de decembro no departamento de Cultura.
Xa de cara ao día 27 a Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, en colaboración co Concello de Ordes, celebrará un festival de Nadal. Será no auditorio da casa da cultura ás 19.30h.
Antes de rematar o ano, concretamente o día 29, terá lugar a Festa do Nadal, especialmente pensada para os nenos e nenas do municipio. Unha tarde chea de actividades e con obradoiros cuxa temática central será o Nadal. Tamén haberá inchables, baile, música e moitas máis sorpresas.
E para vivir o día máis esperado do ano por todos os nenos e nenas o luns 5 de xaneiro Ordes vestirase de gala para recibir a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar. A gran cabalgata incluirá un percorrido polas principais rúas da vila, no que os tres reis non deixarán de repartir caramelos e lambetadas, tamén para celíacos e diabéticos. Os asistentes tamén poderán visitar o Belén vivente, que incluirá unha ampla gama de animais como canguros, gando bovino, ovino, aves etc.

Xornadas de conciliación
Novamente o Concello ten organizadas xornadas de conciliación para poder compaxinar a vida familiar e laboral durante as vindeiras vacacións. Concretamente será en horario de mañá (de 9 a 14 h.) os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro. Tamén os días 2, 5 e 7 de xaneiro. ‘Conciliar será fácil e divertido’ vai dirixido aos matriculados en Educación Infantil e Primaria nos centros do municipio. Para inscribirse é preciso facelo ata o 17 deste mes no departamento de Educación situado no primeiro andar do Concello. Tamén se pode requirir máis información chamando ao 981 680 002.